PATRIA, de Fernando Aramburu

Hombre, Joxe Mari. ¿Has vuelto? Me alegro.(p.222)*

 O pasado día 23 de xaneiro reunímonos na Biblioteca  para comentar Patria, o libro de Fernando Aramburu que, publicado en  setembro de 2016, está a acadar un éxito excepcional, tanto en España como noutros países europeos, presentado moitas veces como a gran novela do País Vasco.

Algunhas de nós lémolo nun aire, malia as súas case 650 páxinas, e encantounos.  A "historia" atrapounos de principio a fin, porque queriamos coñecer a resolución da experiencia vital dos nove personaxes nos que se centra a novela. Sen atender  a cuestións de estilo,  nin no fondo nin na forma. Primando, sobre calquera consideración,  o pracer de ler,  ao que o autor conseguiu engancharnos.
As reaccións posteriores foron, sen embargo, diferentes. Por varias razóns, naturalmente.
En primeiro lugar porque Patria ten, como é sabido, defensores ferventes e detractores non menos acérrimos. Mesmo a nivel político:  Mariano Rajoy e Ana Pastor, pola banda defensora  e Manuela Carmena pola censora,por exemplo . Esa  dicotomía está tamén presente a nivel da rúa e, naturalmente, ao do Club.

Non conseguimos, como teríamos desexado, traer a un compañeiro vasco a falar do tema na Biblioteca. Pero mantivemos con el hai un par de meses unha conversa privada que nos obrigou a reler o libro certamente con moito máis espírito  crítico.  Porque  moitos vascos non se recoñecen en Patria.
A reunión reflectiu perfectamente esta división de pareceres. A primeira persoa que  abriu o diálogo comentou que lera o libro rapidamente, e que lle encantara, … pero non lle deixara pouso. Pensaba así mesmo que a trama se podería trasladar a calquera outra organización terrorista, idea non compartida polos demais.   Outras reafirmábanse na súa estima: gustáralles moito e destacaban por encima de todo o pracer da lectura. Algunhas coincidían en que o que máis apreciaran fora o reflexo da vida das dúas protagonistas, tan amigas na súa xuventude e tan distanciadas posteriormente.
O sector crítico cargou, sen piedade, contra un libro "maniqueo", que "manexa habilmente as emocións e os sentimentos", pero obvia practicamente  temas como a drogadicción no País Vasco naqueles momentos  (algo difícil de esquecer cando se pretende escribir "o" libro sobre esa época concreta). Alegaban tamén que resulta ademais  politicamente moi útil neste momento. Un libro que presenta aos terroristas como seres facilmente manipulables, moi pouco intelixentes, a nivel de  "soldados de base" (a denominación é dunha lectora). O Tatxo cando recoñece a Joxe Mari, o fillo dos seus veciños fuxido a Francia, e a súa muller lle pregunta se falaron,  responde:  "Yo si. El se ha marchado sin dirigirme la palabra (…) Está igual de fortachón que siempre y tiene la misma cara de bobo" (p. 223).  O propio Joxe Mari recoñece moitos anos máis tarde "no fui listo, me manipularon", (p.269) e considera a Karburo "gilipollas total. Más gilipollas imposible" (p. 186).  A cúpula da organización tampouco sae mellor parada.
Críticas tamén aos dous principais personaxes femininos, mulleres relegadas ao fogar, rumiando sempre as mesmas cousas, protectoras pertinaces da familia, na que os homes xogan un papel secundario, sometidos a un férreo matriarcado, e son de lágrima fácil en moitos casos.  Quizá Celeste, a coidadora andina de Amaia, sexa o único personaxe do libro que non vive permanentemente atormentado e consegue manter o sorriso, a educación  e a cordialidade (vide p. 540 e ss.).  En realidade nin Xabier, o médico que se nega calquera alegría dende a morte do seu pai, nin Nerea a súa irmá, unha cara bonita, non demasiado intelixente, descrita case como unha  depredadora que "con frecuencia salía a cazar" (p.316),  nin Arantxa, incapacitada por un ictus con pouco máis de corenta anos, nin Gorka o seu sempre apesarado irmán, nin Joxe Mari no cárcere, nin Joxián, o pai  dos tres, nin Ramuntxo, a quen a ex muller e  a filla lle amargan a existencia, parecen quen de poder acceder á felicidade.
Certo é que, salvo Ramuntxo, todos viven nun pobo pequeno, no que a presión social é moito máis forte e os afoga a todos. Por iso Bittorri, Nerea e Gorka vense obrigados a fuxir.
Neste sentido, Patria é tamén unha novela do desarraigo, na liña das lecturas deste ano no Club.  
Polo que se refire ao estilo, una (segunda e) atenta lectura, permitiunos decatármonos das particularidades lingüísticas nas que non repararamos ao principio. E  de canto nos molestaban  a moitas efectivamente as interminables sucesións de sinónimos que, separadas por barras,  propón o autor a cada paso (por deseo/ /súplica/exigencia del aita. (…) Todo lo perdía / abandonaba  (p.137).
Por outra banda, rastréxanse no libro trazas peculiares do castelán do País vasco, como o uso (e abuso, na nosa opinión)  do condicional  en lugar do imperfecto de subxuntivo. Non sucede só na hipótese das oracións condicionais, senón en todos os casos nos que o español empregaría ese tempo: "Pom, pom, pom. Que abrirían" (p. 298)" No somos como antes de que Joxe Mari se escaparía a Francia" (p.310).
Tamén chama a atención o emprego esaxerado dos participios de presente, tan escasos en español. Sen embargo unha lectora asegurábanos que un sobriño seu, que vive en Euskadi, fala talmente así.
Claro que, coma sempre,  cada un(ha) de nós enfoca o libro desde a súa particular perspectiva.   E se nos choca, a nós, nais galegas extraordinariamente afectuosas, a "frialdade" das dúas mater familiae, é porque sen dúbida non coñecemos á perfección as peculiaridades do carácter vasco. Como non somos quen de recordar ou imaxinar a  situación asfixiante que se vivía mesmo en cidades como Errentería, (recollida en documentais rodados anos despois do anuncio da fin da violencia por parte de ETA).
E se cómpre citar aquí, por encima das críticas, o pracer da lectura do libro para moitas, cabe tamén destacar outras obras literarias sobre organizacións terroristas, lidas no Club,  nas que o lector chega a entender os motivos  dos protagonistas para abrazar a "causa revolucionaria". Referímonos a La calle de los ladrones de Mathias Ënard e O edificio Yacoubian de Alaa Al Aswany, co terrorismo yihadista como telón de fondo. Tamén a novela  Y Dios en la última playa, publicada en 1981 por Cristóbal Zaragoza, presenta  a un membro de Eta moito máis crítico coa organización, capaz de pensar por si mesmo,  de cuestionarse  a oportunidade das súas accións antes de levalas a cabo, e de asumir as consecuencias. En Patria ese fenómeno nos se produce, precisamente polo reducionismo simplista da caracterización dos personaxes. 
Quizás sería bo non esquecer películas como Días contados de Inmanol Uribe ou programas de de Jordi Évole  que nos poden achegar a unha visión máis completa do que foi o conflito vasco, segundo persoas que o viviron …  Claro que a perspectiva de cadaquén seguirá respondendo a súa particular idiosincrasia. 
As citas corresponden a edición en papel: F. Aramburu: Patria, Ed. Tusquets, Barcelona 20164.

Teresa Fernández Ulloa:  Lenguas en contacto: caracterización del castellano del País Vasco y actitudes hacia la lengua.https://minerva.usc.es/xmlui/bitstream/handle/10347/11587/pg_197-212_cc102adquis.pdf?sequence=1, 29/01/2918.




Ningún comentario:

Publicar un comentario