O SOL DO VERÁN, Carlos Casares


Evocamos aquí O Sol do verán, a última obra, póstuma de Carlos Casares, no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. 
E facémolo para destacar o problema da diferente recepción dunha obra literaria: xa temos comentado en outras ocasións a dificultade de agradar a lectora/es diversos, e o pracer que sente quen propón unha obra que esperta unha aprobación case unánime.
Este non foi o caso. Malia que a algunhas de nós  nos conmoveu esta historia, de contornos difusos entre o  amor e a amizade, que nos recordou os calorosos veráns da infancia e a beatería da época, que houbo quen sentiu vagas de nostalxia, quizás por lela no Nadal, época da morriña por excelencia, e quen se sentía  a gusto sentindo  o frescor do río na solaina da casa de Beiro, as críticas foron demoledoras. Alí "non pasaba nada", estrañábase unha lectora, que se empezou a interesar a partir da páxina cen. "Os amoríos do Carlitos xa aburrían" sinalaba outro lector. "Os personaxes están pouco desenvolvidos e apenas teñen entidade" destacaba a terceira; "ti estás segura de que é este o libro que temos que ler? " preguntábanse a cuarta e a quinta cando comezaron a lectura … non daban creto.
Claro que a obra é un monólogo interior no que Helena recrea a súa infancia e a súa primeira xuventude en espiral, engadindo de cada vez detalles novos, ata chegar a descubrir o segredo que para moitos lectores era evidente dende o principio. Claro que esas idas e vidas, reflicten,  á perfección,  o perfil da estrada que une Beiro e Ourense, e que a protagonista percorre en dúas ocasións, en poucas horas, con diferente compañía e en situacións ben diversas. Claro que xorden diversas interrogantes sobre o "detonante" do libro, que centraron o debate: Porque se suicida Carlos na casa de Beiro? Por que nese momento concreto? Pretende acaso traspasar a Helena un sentimento de culpabilidade? Pero non gustou. 
O Sol do verán, cuxa acción se desenvolve entre 1954 e 1968 é a novela dun tempo e dun espazo, que reflicte unha sociedade concreta - a burguesía ourensá- cos seus segredos , a súa hipocrisía, e os seus amores ocultos. Un libro que demostra que cada lector(a) interpreta cos ollos do corazón as páxinas dunha obra. E que o  valor da mesma reside en saber tocar (ou non) as  cordas que o fagan vibrar. I ese, xustamente,  o problema da recepción dunha obra literaria.

E para quen desexe confirmar as súas opinións (ou ler outras diferentes), velaí unhas páxinas dedicadas a Carlos Casares polo Biblioteca Rialeda de Perillo (Oleiros):

Ningún comentario:

Publicar un comentario