Amosando publicacións coa etiqueta curso 2016-2017. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta curso 2016-2017. Amosar todas as publicacións

LA MUJER DE LA LIBRETA ROJA, de Antoine Laurain

"Querida Laure Valadier:
Siento haber entrado en su vida hasta tal punto, no era mi intención. Encontré su bolso en la calle una mañana y me entregué al juego de localizar a la propietaria para devolvérselo. Las cosas se fueron sucediendo un poco al margen de mi voluntad"



Esta foi a última novela que comentamos este ano. Unha historia romántica, na que un libreiro parisino decide atopar, custe o que custe, á propietaria do bolso morado que descobre unha mañá cando se dirixe ao traballo, encima dun contedor do lixo, e do que faltan todos os documentos de identidade e o móbil. Hai, sen embargo, unha serie de obxectos que lle permiten a Laurent imaxinar a personalidade da dona. A busca, que se converte na razón da súa vida, rematará por dar os seus froitos e unirá a dous seres que semellan terse buscado dende sempre. Entre tanto imos descubrindo a vida anterior, familiar e profesional, de ambos. E a familia dos amigos que protexen a Laure. E a súa admiración por Modiano, que compartimos. Ningunha de nós rexeitaría, seguramente, sentirse obxecto dunha admiración secreta tan tenaz e delicada. Por iso o libro, que non constitúe unha cima da literatura, pero reflicte perfectamente a sociedade francesa, e recende a croissants e a lilas, nos gustou á maioría, aínda que non pasou a criba da máis esixente.

X ENCONTROS DOS CLUBS DE LECTURA

O 17 de Xuño o alumnado de Tol@s pola lectura, unha das lectoras do María Mariño e as coordinadoras de ambos Clubs, acudimos ás X Xornadas dos Clubs de Lectura, que moi ben organizadas nas sesións da mañá, incluían obradoiros, charlas, conferencias, un exemplo práctico de realización dun programa de radio escolar con Óscar López, o magnífico presentador de Página 2, almorzos saudables, espectáculos sorprendentes de Pista 4 e multitude de paneis diante dos que poder tirar unhas fotografías.


Tol@s pola lectura, con Marichelo, María e Ana, (pouco conformes con que os carteis "Estou somerxido" estiveran declinados unicamente en masculino singular, cando a presenza feminina era masiva). Graffiti e Pista 4.

Viaxe à MARIÑA LUCENSE

Para compartir. Para tecer lazos de amizade. Para descubrir. Para preparar próximas lecturas.

Para iso fomos á Mariña Lucense, un fin de semana de xuño, onda a nosa amiga Eva Méndez que nos invitou a compartir casa e xantar, praias e vilas, rutas para facer no outono e versos de Luz Pozo Garza. Porque hai máis familias que as de "sangue", como aprendemos este ano.




ERROS É TANATOS, de Gonzalo Navaza

"Cando Denise regresou polo corredor, o portugués mirou alternativamente para ela e para nós, con ar de desconfianza e no seu rostro acendeuse o rubor. Ela ocupou o asento con despreocupación e retomou a latricada interrompida, falando agora (…) do emocionada que se sentía por volver á casa de Chamby, onde a agardaban Bull e Mignonne, dous dobermann que criara des cadeliños."
"Coma se fosen fillos meus. O que máis quero no mundo"."


A verdade é que estabamos algo cansos de tantas traxedias e de tantos problemas. Primeiro foi o noso lector quen nos pediu algo máis lixeiro para continuar, e as demais , moitas profes, ás portas de fin de curso, coincidimos en que era boa idea.
Optamos entón por un conxunto de relatos que gustou moito entre o alumnado de Bacharelato, de fácil lectura, retranca puramente galega, e finais inusitados moitas veces. Bull e Mignonne, O amigo Delmiro e Vinte pesos de prata, figuran entre os preferidos das lectoras.
Conseguimos ademais que Gonzalo Navaza viñera compartir a sesión de lectura con nós: propuxémosllo e el aceptou con enorme xenerosidade. O resultado foi un serán difícil de esquecer, que comezou na Biblioteca, con preguntas ao autor sobre a forma de compoñer un relato, o seu parecer sobre a literatura galega actual, e a porción de oficio e valía propia, que lle compre a cada escritor para crear unha obra. As súas opinións a este respecto non convenceron a algunhas de nós, absolutamente persuadidas de que o oficio non é suficiente para quen non ten, per se, unhas calidades innatas de contador de historias, aínda aceptando como evidente a condición indispensable dun traballo serio. (Para nós se Camus nos apaixona e outros novelistas nos deixan indiferentes non é so simplemente pola falta de oficio dos segundos).
O encontro rematou na Praza do Tapal, onde un público entregado o oía disertar sobre toponimia, Historia de Galicia e literatura, nunha demostración de exercicio da memoria que só pode render quen é capaz de recitar íntegro o Polifemo de Góngora. Non descartamos volvelo invitar a Noia ou, mellor aínda, de ser posible, conseguir compartir con el as Jornadas artístico literarias que se celebran na quinta de Santo Antonio,en Portela Fontoura, moi preto de Vila Nova da Cerveira, das que nos falou.


 Gonzalo Navaza, departindo coas lectoras do María Mariño, sobre Erros e Tánatos. Pero ese foi só o punto de partida. Continuariamos logo, xa fora do centro, falando de toponimia, de historia de Galiza e de anécdotas persoais que cativaron á audiencia.

E de novo, TEATRO !



 O 27 de abril asistimos, dentro da Semana Cultural do I.E.S. "Virxe do Mar" á
representación de "Un deus salvaxe". A obra de Yasmina Reza, dirixida polo profesor de Grego Carlos Maquieira, e representada polo alumnado de 2º de Bacharelato, asombrounos, unha vez máis, polas dificultades técnicas que agocha e pola magnífica posta en escena. 
Parabéns para todos eles !

¿HAS TENIDO FAMILIA ALGUNA VEZ?, de Bill Clegg

"Por dura que pueda ser la vida, sé que tenemos que continuar y cumplir con nuestra parte. Aunque esa parte consista en toser hasta morir por el tabaco, o en volar por los aires en una casa cuando eres joven y tu madre está mirando. E incluso aunque seas esa madre. Alguien podría necesitar saber que has salido adelante. O quizá alguien que no te esperes te necesite."

É , sen dúbida, xunto con Seique, o mellor libro deste ano. A historia de Silas, June, Rebecca, Cissi, Kelly, Penny, Georges , Luke, Lolly, Lydia, e tantos outros personaxes secundarios, atrapados por traxedias diversas, envoltas nun silencio que pode durar meses porque "no hay palabras lo bastante precisas para describir lo amplio y vacío que es el mundo cuando pierdes a alguien que te importa tanto como Penny me importaba a mí", é tamén unha novela chea de solidariedade e de respecto, no que as persoas diferentes intentan atopar un lugar no mundo, axudadas ás veces por unha familia que as comprende, e outras buscando acubillo nas dos compañeiros que posúen esa trama de amor que falta nas delas. Dotadas dunha personalidade vigorosa as mulleres que poboan a novela, e Will e Luke, loitan sempre por realizar os seus soños.
A incapacidade para atopar as palabras xustas nunha relación entre fillos e nais, a violencia de xénero, o silencio imposto para acalar murmuracións, o mutismo que deriva das situacións límite, resólvense finalmente nunha forma de esperanza ao saberse necesitados e necesarios a un tempo. E de tenrura, ao humanizar obxectos, como o hotel Moonstone, que require ás súas novas propietarias tanto como elas o precisan a el (cfr. P. 104). Por iso, malia as traxedias persoais e colectivas que percorren o libro, ao final permanece o halo da solidariedade e dunha comunicación que apenas precisa palabras para facerse patente. Pero si xestos, miradas, aloumiños. Comunicación real, a fin de contas, non virtual, á beira dun océano
inmenso:

"La arena soplará por Pacific Avenue y contra las ventanas del Moonstone, y otra gente llegará y caminará por la playa hasta el gran océano. Estarán enamorados, o estarán perdidos, y no tendrán palabras. Y las olas sonarán para ellos como hicieron para nosotros la primera vez que las oímos"

Día Internacional da Poesía

20 de marzo era tamén véspera do Día Internacional da Poesía
Por iso limos poemas de Celso Emilio Ferreiro, Fran Alonso, Avilés de Taramancos (de cuxo pasamento se cumpriron 25 anos en abril) e o extraordinario "Viaje definitivo" de Juan Ramón Jiménez, In memoriam dun lector dun día.
Juan Ramón Jiménez
El viaje definitivo
 
… Y yo me iré. Y se quedarán los pájaros
cantando;
y se quedará mi huerto, con su verde árbol,
 y con su pozo blanco.

Todas las tardes, el cielo será azul y plácido;
y tocarán, como esta tarde están tocando,
las campanas del campanario.

Se morirán aquellos que me amaron;
y el pueblo se hará nuevo cada año;
y en el rincón aquel de mi huerto florido y encalado,
mi espíritu errará nostáljico…


Y yo me iré; y estaré solo, sin hogar, sin árbol 
verde, sin pozo blanco, 
sin cielo azul y plácido… 
Y se quedarán los pájaros cantando.

Tomado de «Corazón en el viento», en Poemas agrestes, 1910-1911.
Centro Virtual Cervantes © Instituto Cervantes, 1997-2017. http://cvc.cervantes.es/literatura/escritores/jrj/antologia/antologia07.htm Consultado o día 5/07/2017.


CICATRIZ, de Sara Mesa

"Cuando ya no lo esperaba, él le envía una foto (…) Hay una enorme distancia entre esa imagen y las palabras que lee cada día en la bandeja de su correo. ¿Cómo relacionar esos rasgos tremendamente vulgares con los paquetes cargados de regalos que le han estado llegando durante años? No es que no le sea creíble ese rostro: es que no podría serle creíble ninguno".


O 20 de Marzo, mentres Sara Mesa compartía con Pierre Lemaître e Xabier Queipo a entrega do Premio S. Clemente, que concede o alumnado do Instituto Rosalía de Castro, e outros centros galegos e estranxeiros, o Club de Lectura debatía xustamente a súa novela Cicatriz. Non resulta difícil de entender que esta novela, centrada exclusivamente en dous personaxes que manteñen unha relación por Internet, tras coñecerse nun foro sobre literatura, fascine aos lectores máis novos.
A novela resulta interesante porque pon de manifesto a necesidade de esconder a propia identidade, mediante alias, e agochar unha aparencia física da que un non se sinte especialmente orgulloso, a través de Internet. O personaxe de Knut, que nos recorda ao repulsivo protagonista de Attentat de Amélie Nothomb, é un claro exemplo. Nun mundo no que prima o aspecto físico e os canóns de beleza establecidos, no que aos diferentes lles queda pouco espazo, os tímidos e os inseguros atopan na rede a oportunidade de establecer virtualmente unhas relacións que non serían quen de comezar realmente. Pero estas relacións, tan virtuais que semellan irreais, que non precisan contacto físico, nin xestos, nin voz para existir, poden devir, na realidade, en absolutamente tóxicas.
E ese foi xustamente o debate que xerou Cicatriz : ¿como chegan a establecerse entre os protagonistas uns lazos tan poderosos, sen que un deles sexa en principio consciente de ata que punto se está deixando influenciar pola outra persoa que, enchéndoa de agasallos, cada vez máis numerosos e inútiles, intenta controlala de maneira cada vez máis insistente?.
A medida que avanzaba a novela, a historia íase volvendo máis inverosímil para algunhas lectoras: como crer que Knut puidera perpetrar impunemente roubos en grandes almacéns, de obxectos cada vez mais caros, sen ser descuberto nunca? Como entender que Sonia, que ao principio se sente turbada e compracida polos regalos, non sexa quen de renunciar a eles e rematar con esa relación cando non ten casa abondo para acumulalos e a abafan? E porqué volve a ela, cando consegue, por fin, afastarse durante un tempo? A presión de Knut para que ela escriba, que lle fai depurar o seu estilo ata lograr que un editor se interese pola súa obra, non o é un prezo a pagar demasiado elevado? Poderá perdurar indefinidamente esa relación?
O final da obra, aberto, deixa ao lector/a o a posibilidade de imaxinar o desenlace.



Na foto, de La voz de Galicia, a escritora Sara Mesa con P. Lemaître e o profesor Xabier Mouriño, nos corredores do centro compostelán o día da entrega do premio S. Clemente.

OS ELEFANTES DE SOKUROV, de Antón Riveiro Coelho

O martes 14 de Febreiro Antón Riveiro Coelho reuniuse coas lectoras e lectores de Os elefantes de Sokurov, para comentar a súa obra.
Unha velada extremadamente amena e interesante que nos permitiu coñecer mellor a súa escrita: fontes, temas principais, persoas nas que se inspiran os personaxes ... Tempo houbo tamén de recrear a Compostela dos anos 60, 70, e 80, segundo a memoria dos presentes. E de evocar obras literarias e películas (La acabadora, Francofonía) que forman xa parte do acervo do Club.
Ao remate o escritor agasallou á Biblioteca cunha novela e firmou exemplares das súas obras.
Moitas grazas as lectoras que fixeron posible esta visita.!




Entrevista a unha das nosas lectoras na Voz de Galicia




 Estamos moi orgullosos da entrevista que fixo o periódico La Voz de Galicia a unha das nosas lectoras. Temos aquí unha gran embaixadora.
Velaquí o enlace da publicación completa:

  
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2017/01/27/span-langgl-lectora-mari-chelo-martinezspan/0003_201701B27E2992.htm

O SOL DO VERÁN, Carlos Casares


Evocamos aquí O Sol do verán, a última obra, póstuma de Carlos Casares, no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. 
E facémolo para destacar o problema da diferente recepción dunha obra literaria: xa temos comentado en outras ocasións a dificultade de agradar a lectora/es diversos, e o pracer que sente quen propón unha obra que esperta unha aprobación case unánime.
Este non foi o caso. Malia que a algunhas de nós  nos conmoveu esta historia, de contornos difusos entre o  amor e a amizade, que nos recordou os calorosos veráns da infancia e a beatería da época, que houbo quen sentiu vagas de nostalxia, quizás por lela no Nadal, época da morriña por excelencia, e quen se sentía  a gusto sentindo  o frescor do río na solaina da casa de Beiro, as críticas foron demoledoras. Alí "non pasaba nada", estrañábase unha lectora, que se empezou a interesar a partir da páxina cen. "Os amoríos do Carlitos xa aburrían" sinalaba outro lector. "Os personaxes están pouco desenvolvidos e apenas teñen entidade" destacaba a terceira; "ti estás segura de que é este o libro que temos que ler? " preguntábanse a cuarta e a quinta cando comezaron a lectura … non daban creto.
Claro que a obra é un monólogo interior no que Helena recrea a súa infancia e a súa primeira xuventude en espiral, engadindo de cada vez detalles novos, ata chegar a descubrir o segredo que para moitos lectores era evidente dende o principio. Claro que esas idas e vidas, reflicten,  á perfección,  o perfil da estrada que une Beiro e Ourense, e que a protagonista percorre en dúas ocasións, en poucas horas, con diferente compañía e en situacións ben diversas. Claro que xorden diversas interrogantes sobre o "detonante" do libro, que centraron o debate: Porque se suicida Carlos na casa de Beiro? Por que nese momento concreto? Pretende acaso traspasar a Helena un sentimento de culpabilidade? Pero non gustou. 
O Sol do verán, cuxa acción se desenvolve entre 1954 e 1968 é a novela dun tempo e dun espazo, que reflicte unha sociedade concreta - a burguesía ourensá- cos seus segredos , a súa hipocrisía, e os seus amores ocultos. Un libro que demostra que cada lector(a) interpreta cos ollos do corazón as páxinas dunha obra. E que o  valor da mesma reside en saber tocar (ou non) as  cordas que o fagan vibrar. I ese, xustamente,  o problema da recepción dunha obra literaria.

E para quen desexe confirmar as súas opinións (ou ler outras diferentes), velaí unhas páxinas dedicadas a Carlos Casares polo Biblioteca Rialeda de Perillo (Oleiros):

CABALOS E LOBOS, Fran P. Lorenzo

 “ En calquera caso, -continuou o tío Álvaro-, había que escoller, e estabamos en guerra. Europa enteira estaba en guerra. Ou eras cabalo ou eras lobo. Na guerra ou na vida, tanto ten. E ela escolleu ser lobo. Loba.” 
13 de Decembro, Santa Lucía. 
Hoxe viu por primeira vez a luz, en público, o Blog do noso Club de Lectura que, grazas a Elena , permite dar  visibilidade ao traballo realizado durante este curso e o pasado. Imaxinades o contentas e fachendosas que estamos?
Ademais, como tódolos anos, a nosa particular Mamá Noel (Marichelo) fíxonos chegar a esperada felicitación navideña, este ano un disco de ouro do Premio Nobel de Literatura, cos seus mellores desexos para nós. 
E para celebrar un ano de lecturas, ela e a súa irmá agasalláronnos cunhas pastas e uns delicosos licores caseiros. Un pracer. 

E por suposto comentamos o libro deste mes: Cabalos e lobos.
Unha cidade, un edificio e unha estirpe. Vigo, Gran Vía, Costa-Beckmann. Unha panorámica, dende o octavo piso, sobre a cidade e o tempo, as loitas obreiras dos anos setenta, a “pre” e a posguerra española. Edificio-armadura baixo o que agochar os secretos dunha familia burguesa, preservar as apariencias, coutar as murmuracións, ocultar as paixóns secretas que poden poñer en entredito a honorabilidade do clan, acalar os remorsos polos bens adquiridos ilicitamente, pola cobardía. Situación dominada durante xeracións. Ata que a neta do patriarca decide legar ao seu fillo adolescente unha verdade que ela mesma ignora e se lanza á busca do porqué dun mundo dividido en cabalos e lobos.
Esta primeira novela do periodista Fran P. Lorenzo descubriunos, a algunhas de nós, unha parte da historia de Galicia, de Noia e de Lousame que ignorabamos e da que nos deron cumpridas referencias as compañeiras da vila.
Unha vez máis lemos o mundo dende a biblioteca.
Confiamos en que algún día Fran Lorenzo poida vir comentar con nós esta obra. Entretanto deixámosvos a súa conferencia na Xornada dos Clubs de Lectura.

E esta ligazón para que poidades seguir lendo e escoitando.


  "A fachada de Gran Vía nº 2, recortada contra o rosa anil da atardecida"

Cine, Festival de Cineuropa, cine y más cine por favor…

Este primer trimestre do curso 2016-2017 aproveitamos cada ocasión para xuntarnos e ir ao cine: 
En outubro, ver La chica del tren, e O Porvir. No primeiro caso tiñamos curiosidade por coñecer a versión cinematográfica do libro lido o ano pasado. En grupo, acudimos o sábado 15 de outubro, aos recuperados  Cines Compostela.

Tamén en outubro O Porvir, a historia dunha parella de profesores de filosofía, cuxa longa vida en común toca ao seu fin …  Vímola en distintas datas, varias persoas, e gustounos moito.

E Novembro é o mes de Cineuropa. Só conseguimos ir xuntas ao Teatro Principal:   El Ciudadano  Ilustre, encantounos, polo seu humor e fina ironía. 
Ma Loute , dunha fantasía desconcertante, non nos gustou. 





SEIQUE, Susana Sánchez Arins



"se foi assim de mau com os irmãos e irmãs, como seria com os de fora ..."




Este martes, 15 de novembro, o Club de Lectura recibiu a visita de Susana Sánchez Aríns, a autora de "Seique". A descuberta de Seique foi una bafarada de aire puro, un deses libros que fan historia nun Club.
Trátase da historia dunha familia, a súa, contada dun xeito poético, divertido e durísimo á vez, nunha loita tenaz contra a des-memoria, para ousar revelar a verdade, tanto tempo agochada,de personas cuxa conduta nos tempos do franquismo se intentou esquecer. 
Un libro excepcional que vos recomendamos absolutamente.