Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

Verán en Decembro - Teatro


O día 5 de abril, no Coliseo Noela, asistimos a posta en escena da obra Verán en  Decembro de Carolina África, representada por cinco alumnas de Bacharelato do I.E.S. "Virxe do Mar", esplendidamente dirixidas polo profesor de grego Carlos Maquieira, coa colaboración da profesora Gloria Rivas, encargada da escenografía e o vestiario.

Coma tódolos anos no transcurso da Semana Cultural, Noia ten unha cita co teatro, do máis alto nivel, da man dun elenco de actrices este ano ( e actores, tamén, nos pasados) que se entregan durante todo un ano, co seu profesor, tradutor da obra e director, para brindar ao público, no espazo dunha noite,  un espectáculo case profesional.

Verán en decembro é unha reflexión sobre os problemas da sociedade actual: a convivencia no fogar de catro xeracións de mulleres, que afrontan, día a día, traballo precario, relacións amorosas pouco satisfactorias e o coidado dunha avoa dependente, con todo o afecto e as tensións que tal situación xera, nunha familia na que somos quen de recoñecérmonos cada un(ha) de nós .  Trátase do soño de fuxir, en medio dun inverno tan prolongado,  cara un verán liberador, que chega finalmente de xeito sutil e inesperado, botando por terra calquera consideración previa.

E unha vez máis, Carlos consegue facer do teatro unha arma potentísima de expresión, capaz de liberar a palabra nos seus artistas. Resulta un auténtico luxo ver a estas rapazas dominar a escena e percibir a súa alegría ao facelo. 
 Moitísimos parabéns para toda a "troupe".

ELISA E MARCELA - Teatro en Noia

O 3 de marzo asistimos en Noia a representación da obra Elisa e Marcela por parte da Compañía de Teatro  A Panadaria. A historia desta parella de mulleres que consigue casar pola igrexa no ano 1901, facéndose pasar unha delas por home, ofrece unha posta en escena espectacular.  Como é tradicional nesta compañía, abonda cunha mínima escenografía para encher de emoción, de danza, musica e xogos de luces, a representación. Asombra sempre a capacidade destas tres actrices para bordar tódolos rexistros.
Cando se está a dar tanta transcendencia á próxima película de Isabel Coixet, que vai xirar en torno ao primeiro matrimonio homosexual do que se ten noticia en España, éste,  parécenos importantísimo pór de relevo o excelente traballo de A Panadaría. Encantounos a tódalas persoas do Club que asistimos á representación.  Elisa e Marcela percorre  Galicia dende o mes de outubro, con gran éxito.  

Para máis información deixámosvos o seguinte enlace: 
http://www.pikaramagazine.com/2018/01/elisa-e-marcela-a-panadaria/ 

E de novo, TEATRO !



 O 27 de abril asistimos, dentro da Semana Cultural do I.E.S. "Virxe do Mar" á
representación de "Un deus salvaxe". A obra de Yasmina Reza, dirixida polo profesor de Grego Carlos Maquieira, e representada polo alumnado de 2º de Bacharelato, asombrounos, unha vez máis, polas dificultades técnicas que agocha e pola magnífica posta en escena. 
Parabéns para todos eles !

Teatro, TARTUFO

"Somos facilmente enganados por aqueles a quen amamos "

O Centro Dramático Galego estreou no Salón Teatro de Santiago a obra de teatro de Molière Tartufo.
Tartufo o mentireiro, o impostor, o hipócrito...irrumpe nun piadoso fogar burgués.
Algunhas de nós disfrutamos desta peza. Moi boa interpretación. As dúas horas pasaron voando.
A representación é moi dinámica, o que fai a obra amena.
E non podemos deixar de lembrar a cantos "tartufos" seguimos atopando hoxe en día.