PECHANDO O
CÍRCULO:
Neste Maio de
Letras, o Club de Lectura "María Mariño" decidiu non mirar ao pasado,
senón ao porvir. Non celebrar escritores mortos, senón cheos de vida, de
proxectos, de ilusións. E "da casa". Maio foi o mes de Lumes
e de Ismael Ramos, o rapaz que hai dez anos non perdía unha sesión do Club de
lectura de Carlos Maquieira "O conto de nunca acabar" neste
I.E.S. "Virxe do Mar, e que hoxe ten dous libros de poesía publicados (e
unha plaquette), figura en diversas
antoloxías da Poesía Galega , recolle premios e recoñecementos a esgalla e é
convidado a recitar os seus poemas alén das nosas fronteiras galegas. O
conto de nunca acabar foi a"apócema
máxica" que consolidou a súa eclosión poética.
As
memorias dos Clubs de lectura do noso I.E.S. están cheas de fotos de Ismael
Ramos, recollendo Premios Minerva, Anxel Casal, organizando o Día da Poesía en
2011, levando as rendas do Club de rapaces, asistindo ás reunións do María Mariño ou
representando ao Centro na primeira reunión dos Clubs de lectura que convocou
en Santiago a coordinadores e alumnos, aló polo ano 2011.
Por iso é para nós un orgullo telo nesta mesma
Biblioteca, comentando a súa obra Lumes,
da editora Apiario, que recibiu o premio á mellor obra editada en Galicia, na
III edición do Libro galego, pola "elegancia
minimalista desta obra en particular, que brilla dunha forma especial nun
traballo de edición impecable", en palabras do xurado. Escoitalo evocar
a importancia da estrutura dun libro, do peche final de cada poema, da escrita
demorada no tempo, das lecturas, relecturas e
correccións posteriores é un auténtico pracer. Como o é tamén preguntarlle por influencias e poemas
concretos, intentar satisfacer, coma sempre, a curiosidade de canta
autobiografía se esconde en cada un, discutir sobre a tristeza que parece
impregnar o libro, na opinión dalgunhas lectoras, e a ansia de loita e
resistencia que Ismael prefire resaltar.
A reunión foi un
éxito. E pechamos o círculo: un lector convertido en prezado escritor. Velaí o
valor dos Clubs de lectura.