LA RIDICULA IDEA DE NO VOLVER A VERTE, de Rosa Montero


"Escenas que son islas de emoción candente" (p. 15)

 A véspera de S. Marcos comentamos, nunha reunión un pouco sosa, a que para algunha de nós foi a mellor lectura deste ano: La ridícula idea de no volver a verte de Rosa Montero. 
 Publicado por primeira vez en 2013, é un libro de difícil clasificación, cun gran traballo de documentación previo, escrito nunha prosa lírica e intimista que resulta , ao mesmo tempo, moi próxima ao lector, non só por expresións da lingua familiar ("Guau", "Cáspita", ¡Cielo santo!,…) senón porque este se sinte implicado directamente na narración: "Ah, pillina: despues de todo, a nuestra empollona le gustaban guapos" "¿No crees que ...? "te suena de algo esto?"
 Nin libro de memorias, nin novela nin (auto)biografía, nin discurso sobre o dó, La ridícula idea de no volver a verte supera todos eses límites para, a partir do diario que Marie Curie escribiu ao ano seguinte da morte accidental do seu home, reflexionar sobre a perda, a amizade, as dificultades ás que se enfrontan as mulleres na vida cotiá, a desigualdade de xénero no ámbito científico, achegándonos, simultaneamente, "escenas que son islas de emoción candente", porque Rosa Montero logra verbalizar e atopar nese tempo de sufrimento feixes de luz que o iluminan.
 A través destas páxinas descubrimos unha Marie Curie fascinante, valente, case mística por momentos e volcán de paixóns noutros, a miúdo desde hashtgas que encantan a algunhas e lectoras e outras detestan, e indican os leitmotiv da obra: #LugarDeLaMujer, #HonrarALosPadres, #HacerLoQueSeDebe, #Ligereza, …
 Cada capítulo ven, ademais, encabezado por un título que en ocasións encerra imaxes de enorme forza expresiva, auténticos versos ou posibles títulos de contos para nenos, que reflicten toda a tenrura e as aparentes contradicións das vidas destas dúas mulleres extraordinarias: "Pájaros con las pechugas palpitantes", "Radiactividad y mermeladas", "La bruja del caldero", "Una cuestión de deditos" , "Pero me esfuerzo" son algúns dos rótulos deste libro que consegue emocionar plenamente ao lector. Literatura en estado puro, para afrontar o mundo, porque como di Rosa Montero, citando a Fernando Pessoa:
 "La literatura, como el arte en general, es la demostración de que la vida no basta" (op. Cit. p. 32.)


"Totum Bonum e o seu territorio" - Conferencia


No transcurso da conmemoración do 850 aniversario da Carta Puebla fundacional de Noia, a arqueóloga Manuela Mato,  compañeira nosa no Club de lectura, pronunciou unha interesantísima conferencia sobre o asentamento da poboación noiesa, dende a alta Idade Media ata a Idade Moderna, centrándose especialmente em "Totum Bonum e o seu territorio".  A conferencia estivo ilustrada polas espléndidas acuarelas de Domingo Filgueira Lado: "Noia prima. Totum Bonum".
Manuela foi a única muller participante neste ciclo de conferencias, e rematou a súa exposición reividincando unha meirande representación feminina na seguinte efeméride.  
Moitos parabéns para ela e para o ilustrador.

Verán en Decembro - Teatro


O día 5 de abril, no Coliseo Noela, asistimos a posta en escena da obra Verán en  Decembro de Carolina África, representada por cinco alumnas de Bacharelato do I.E.S. "Virxe do Mar", esplendidamente dirixidas polo profesor de grego Carlos Maquieira, coa colaboración da profesora Gloria Rivas, encargada da escenografía e o vestiario.

Coma tódolos anos no transcurso da Semana Cultural, Noia ten unha cita co teatro, do máis alto nivel, da man dun elenco de actrices este ano ( e actores, tamén, nos pasados) que se entregan durante todo un ano, co seu profesor, tradutor da obra e director, para brindar ao público, no espazo dunha noite,  un espectáculo case profesional.

Verán en decembro é unha reflexión sobre os problemas da sociedade actual: a convivencia no fogar de catro xeracións de mulleres, que afrontan, día a día, traballo precario, relacións amorosas pouco satisfactorias e o coidado dunha avoa dependente, con todo o afecto e as tensións que tal situación xera, nunha familia na que somos quen de recoñecérmonos cada un(ha) de nós .  Trátase do soño de fuxir, en medio dun inverno tan prolongado,  cara un verán liberador, que chega finalmente de xeito sutil e inesperado, botando por terra calquera consideración previa.

E unha vez máis, Carlos consegue facer do teatro unha arma potentísima de expresión, capaz de liberar a palabra nos seus artistas. Resulta un auténtico luxo ver a estas rapazas dominar a escena e percibir a súa alegría ao facelo. 
 Moitísimos parabéns para toda a "troupe".