LUMES de Ismael Ramos


PECHANDO O CÍRCULO:
Neste Maio de Letras, o Club de Lectura "María Mariño" decidiu non mirar ao pasado, senón ao porvir. Non celebrar escritores mortos, senón cheos de vida, de proxectos, de ilusións. E "da casa". Maio foi o mes de Lumes e de Ismael Ramos, o rapaz que hai dez anos non perdía unha sesión do Club de lectura de Carlos Maquieira "O conto de nunca acabar" neste I.E.S. "Virxe do Mar, e que hoxe ten dous libros de poesía publicados (e unha plaquette), figura en diversas antoloxías da Poesía Galega , recolle premios e recoñecementos a esgalla e é convidado a recitar os seus poemas alén das nosas fronteiras galegas. O conto de nunca acabar foi  a"apócema máxica" que consolidou a súa eclosión poética. 
As memorias dos Clubs de lectura do noso I.E.S. están cheas de fotos de Ismael Ramos, recollendo Premios Minerva, Anxel Casal, organizando o Día da Poesía en 2011, levando as rendas do Club de rapaces,  asistindo ás reunións do María Mariño ou representando ao Centro na primeira reunión dos Clubs de lectura que convocou en Santiago a coordinadores e alumnos, aló polo ano 2011. 
 
Por iso é  para nós un orgullo telo nesta mesma Biblioteca, comentando a súa obra Lumes, da editora Apiario, que recibiu o premio á mellor obra editada en Galicia, na III edición do Libro galego, pola "elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla dunha forma especial nun traballo de edición impecable", en palabras do xurado.  Escoitalo evocar a importancia da estrutura dun libro, do peche final de cada poema, da escrita demorada no tempo, das lecturas, relecturas e  correccións posteriores é un auténtico pracer. Como o é tamén  preguntarlle por influencias e poemas concretos, intentar satisfacer, coma sempre, a curiosidade de canta autobiografía se esconde en cada un, discutir sobre a tristeza que parece impregnar o libro, na opinión dalgunhas lectoras, e a ansia de loita e resistencia que Ismael prefire resaltar.

A reunión foi un éxito. E pechamos o círculo: un lector convertido en prezado escritor. Velaí o valor dos Clubs de lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario