"Elisa, voy a darte un
consejo. (…). Nunca desenamores a un hombre de sí mismo
(…) Ningún hombre puede sobrevivir al desprecio de sí mismo, tiene que
buscar a otra, una mujer que lo admire, para olvidar que se ha despreciado" (p.212)
Xusto antes das
vacacións de Nadal comentamos La mujer de
Isla Negra, o libro de Maria Fasce,
que recrea de xeito novelado a historia de Pablo Neruda, na súa casa de Isla
Negra, e a relación que mantén con tres mulleres: Raquel, Delia e Matilde, e a
adolescente Elisa.
Raquel, que
coñeceu ao poeta cando el aínda utilizaba o seu nome real, Neftalí Reyes, chega á casa, repleta de caracolas e mascaróns
de proa, acompañada pola súa filla Elisa, para servir como criada, deixando
atrás un pasado de privacións, que coñece ben a súa amiga Juana. Tendo unicamente
como espazo vital a cociña, invisible case para todos os habitantes da casa,
Raquel é a antítese viva de Delia del Carril, a pintora arxentina, esposa do
poeta, vinte e cinco anos maior ca el, toda beleza, cultura, refinamento e
acción, á que admira profundamente a adolescente. Malia todo, Neruda, personaxe
dunha época , non se resistirá a enganar durante as súas ausencias a Delia, que viaxa con frecuencia, con Matilde Urrutia, a muller da cabeleira roxa
que chegará a converterse na súa terceira esposa.
A rapaza, que
descubre a poesía, a sensualidade e o amor en Isla Negra, verá a Raquel
refuxiarse novamente en Temuco, para preservar a súa dignidade, mentres ela
continúa vivindo na casa, aprendendo modais e afastándose paulatinamente da súa
nai. Este distanciamento causaralle profundos
remorsos anos despois en París, onde descobre un secreto vital e chega
a ser considerada como una escritora de certo prestixio.
O libro, que se le
facilmente, gustou á maioría das lectoras, pola caracterización das mulleres,
fortes e admirables como Raquel e Delia que aceptan o seu destino con dignidade.
É Raquel, malia a súa humildade, a que
esperta máis simpatías, por ser dona da súa vida, coherente ata o final,
sabendo perfectamente o que quere dicir e facer. De Juana chama a atención a súa lealdade sen fisuras, e de Delia a súa clarividencia. Seu é o
consello citado ao principio, un compendio de filosofía en poucas liñas.
Mulleres extremadamente intelixentes, desleixadas por homes en aparencia máis
importantes. Mulleres que se preguntan
pola súa invisibilidade co paso do tempo.
O libro
orixinou, en pleno auxe da campaña #MeToo, numerosos comentarios sobre o poder exercido
por homes carismáticos, como Neruda, Picasso, Hemingway ou Diego Rivera sobre
as mulleres coas que conviviron, nunha sociedade, a de principios e mediados do
século XX, na que a conciencia crítica
sobre a igualdade de xénero era practicamente inexistente. Personaxes dos que
hoxe en día nos asombra a obra pero non especialmente o home, mentres admiramos
as personalidades de Frida Kalo, Maruxa Mallo, Delia del Corral , ou María
Zambrano.
A este respecto unha lectora sinala o paralelismo entre La mujer de Isla Negra e Mrs. Hemingway en París, no que Paula McLain aborda os primeiros anos do matrimonio de Hadley Richardson e o escritor americano nos anos vinte, na capital francesa. Libros que evocan esas relacións sentimentais dende o punto de vista feminino, dando voz a mulleres silenciadas practicamente ata agora.
Non esquecemos tampouco aos poderosos que hoxe en día seguen a utilizar o seu poderío para obter o que se propoñen, a costa do resto da humanidade. La mujer de Isla Negra propiciou, pois, a reflexión.
A este respecto unha lectora sinala o paralelismo entre La mujer de Isla Negra e Mrs. Hemingway en París, no que Paula McLain aborda os primeiros anos do matrimonio de Hadley Richardson e o escritor americano nos anos vinte, na capital francesa. Libros que evocan esas relacións sentimentais dende o punto de vista feminino, dando voz a mulleres silenciadas practicamente ata agora.
Non esquecemos tampouco aos poderosos que hoxe en día seguen a utilizar o seu poderío para obter o que se propoñen, a costa do resto da humanidade. La mujer de Isla Negra propiciou, pois, a reflexión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario