"A historia dos libros é dos ricos, a nosa lévaa a auga"
Ningunha data mellor para retomarmos a andaina do Club de Lectura María Mariño que este Día Mundial das Bibliotecas, da man dun grande escritor galego.
David Pérez Iglesias veu falar con nós de Todo o tempo do mundo, Premio Merlín de literatura infantil 2016. Esta novela, cuxos personaxes principais son un avó e a súa neta de once anos, que o acompañará o tempo dun verán, mentres seus pais foxen da crise a procura dun traballo alén mar, non é só un libro para rapaces. É un libro dun lugar e dun tempo, no que o mundo rural, apegado á terra que o sustenta e lle da vida, mantén aceso o sentido de cousas e palabras desaparecidas na sociedade urbana. Un mundo no que non existe a ociosidade, porque todo reclama un coidado constante. Un mundo no que "a choiva fala coas cousas", e as raíces da persoas non son os devanceiros senón os descendentes.