TODO O TEMPO DO MUNDO de David Pérez Iglesias

24 de Outubro , día das Bibliotecas

"A historia dos libros é dos ricos, a nosa lévaa a auga"


Ningunha data mellor para retomarmos  a andaina do Club de Lectura María Mariño que este Día Mundial das Bibliotecas, da man dun grande escritor galego.   
David Pérez Iglesias veu falar con nós de Todo o tempo do mundo,  Premio Merlín de literatura infantil  2016. Esta novela, cuxos personaxes principais son un avó e a súa neta de once anos, que o acompañará o tempo dun verán, mentres seus pais foxen da crise a procura dun traballo alén mar, non é só un libro para rapaces. É un libro dun lugar e dun tempo, no que o mundo rural, apegado á terra que o sustenta e lle da vida, mantén aceso o sentido de cousas e palabras desaparecidas na sociedade urbana. Un mundo no que non existe a ociosidade, porque todo reclama un coidado constante. Un mundo no que "a choiva fala coas cousas", e as raíces da persoas non son os devanceiros senón os  descendentes.

Amenísima a conversa con David, sobre este tempo de non retorno, porque non hai espazo ao que volver cando desaparece o último habitante dunha aldea . E sobre os detalles de construción da novela, dos personaxes, das localizacións que tentabamos adiviñar, a discusión sobre o ruído e o silencio, e a dificultade de adaptarse a un entorno diferente. E por encima de todo, a tenrura que emana do libro, os lazos que se tecen entre o avó e a neta,  a nena e o can, e Ramón, o único neno do lugar, paradigma de tantas aldeas galegas. E o carácter rexo de Valente, o afoutado defensor do tempo e do espazo que deixará en herdanza a Ariadna, a súa raíz.  
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario