Entrevista a unha das nosas lectoras na Voz de Galicia
Estamos moi orgullosos da entrevista que fixo o periódico La Voz de Galicia a unha das nosas lectoras. Temos aquí unha gran embaixadora.
Velaquí o enlace da publicación completa:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2017/01/27/span-langgl-lectora-mari-chelo-martinezspan/0003_201701B27E2992.htm
AS VOSAS SUXESTIÓNS DE LECTURAS
Ó noso club gústalle tamén escoitar as experiencias dos seus seguidores.
Por iso dende aquí publicamos as vosas recomendacións de libros para ler.
Non dubidedes en mandar as vosas suxestións a través do formulario de contacto (ao pé de páxina)
📖 Aqueles días en qué éramos malas de Inma López Silva, aínda que só sexa
para compensar os personaxes femininos esterotipados de F. Lourenzo e C.
Casares.O primeiro moito se inspirou en Cardume (R. Vega,), os fillos do mar (P. Feijóo) e mesmo na Atuado na braña (X. Quiroga). A carta de Skow ao caseiro lembra a impactante Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor fronte a esa banalidade do mal instalada na sociedade europea de entreguerras.
📖 La ridícula idea de no volver a verte de Rosa Montero
📖 El hombre que amaba a los perros de Padura
O SOL DO VERÁN, Carlos Casares
Evocamos aquí O Sol do verán, a última obra, póstuma de Carlos Casares, no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
E facémolo para destacar o problema da diferente recepción dunha obra literaria: xa temos comentado en outras ocasións a dificultade de agradar a lectora/es diversos, e o pracer que sente quen propón unha obra que esperta unha aprobación case unánime.
Este non foi o caso. Malia que a algunhas de nós nos conmoveu esta historia, de contornos difusos entre o amor e a amizade, que nos recordou os calorosos veráns da infancia e a beatería da época, que houbo quen sentiu vagas de nostalxia, quizás por lela no Nadal, época da morriña por excelencia, e quen se sentía a gusto sentindo o frescor do río na solaina da casa de Beiro, as críticas foron demoledoras. Alí "non pasaba nada", estrañábase unha lectora, que se empezou a interesar a partir da páxina cen. "Os amoríos do Carlitos xa aburrían" sinalaba outro lector. "Os personaxes están pouco desenvolvidos e apenas teñen entidade" destacaba a terceira; "ti estás segura de que é este o libro que temos que ler? " preguntábanse a cuarta e a quinta cando comezaron a lectura … non daban creto.
Claro que a obra é un monólogo interior no que Helena recrea a súa infancia e a súa primeira xuventude en espiral, engadindo de cada vez detalles novos, ata chegar a descubrir o segredo que para moitos lectores era evidente dende o principio. Claro que esas idas e vidas, reflicten, á perfección, o perfil da estrada que une Beiro e Ourense, e que a protagonista percorre en dúas ocasións, en poucas horas, con diferente compañía e en situacións ben diversas. Claro que xorden diversas interrogantes sobre o "detonante" do libro, que centraron o debate: Porque se suicida Carlos na casa de Beiro? Por que nese momento concreto? Pretende acaso traspasar a Helena un sentimento de culpabilidade? Pero non gustou.
O Sol do verán, cuxa acción se desenvolve entre 1954 e 1968 é a novela dun tempo e dun espazo, que reflicte unha sociedade concreta - a burguesía ourensá- cos seus segredos , a súa hipocrisía, e os seus amores ocultos. Un libro que demostra que cada lector(a) interpreta cos ollos do corazón as páxinas dunha obra. E que o valor da mesma reside en saber tocar (ou non) as cordas que o fagan vibrar. I ese, xustamente, o problema da recepción dunha obra literaria.
E para quen desexe confirmar
as súas opinións (ou ler outras diferentes), velaí unhas páxinas dedicadas a
Carlos Casares polo Biblioteca Rialeda de Perillo (Oleiros):
CABALOS E LOBOS, Fran P. Lorenzo
“ En calquera caso, -continuou o tío
Álvaro-, había que escoller, e estabamos en guerra. Europa enteira estaba
en guerra. Ou eras cabalo ou eras lobo. Na guerra ou na vida, tanto ten. E ela
escolleu ser lobo. Loba.”
Hoxe viu por primeira vez a luz, en público, o
Blog do noso Club de Lectura que, grazas a Elena , permite dar
visibilidade ao traballo realizado durante este curso e o pasado. Imaxinades o
contentas e fachendosas que estamos?
Ademais, como tódolos
anos, a nosa particular Mamá Noel (Marichelo) fíxonos chegar a esperada
felicitación navideña, este ano un disco de ouro do Premio Nobel de Literatura,
cos seus mellores desexos para nós.
E para celebrar un ano de lecturas, ela e a súa
irmá agasalláronnos cunhas pastas e uns delicosos licores caseiros. Un pracer.
E por suposto comentamos o libro deste mes: Cabalos e lobos.
Unha cidade, un edificio e unha estirpe. Vigo, Gran Vía, Costa-Beckmann. Unha panorámica, dende o octavo piso, sobre a cidade e o tempo, as loitas obreiras dos anos setenta, a “pre” e a posguerra española. Edificio-armadura baixo o que agochar os secretos dunha familia burguesa, preservar as apariencias, coutar as murmuracións, ocultar as paixóns secretas que poden poñer en entredito a honorabilidade do clan, acalar os remorsos polos bens adquiridos ilicitamente, pola cobardía. Situación dominada durante xeracións. Ata que a neta do patriarca decide legar ao seu fillo adolescente unha verdade que ela mesma ignora e se lanza á busca do porqué dun mundo dividido en cabalos e lobos.
Esta primeira novela do periodista Fran P. Lorenzo descubriunos, a algunhas de nós, unha parte da historia de Galicia, de Noia e de Lousame que ignorabamos e da que nos deron cumpridas referencias as compañeiras da vila.
Unha vez máis lemos o mundo dende a biblioteca.
Confiamos en que algún día Fran Lorenzo poida vir comentar con nós esta obra. Entretanto deixámosvos a súa conferencia na Xornada dos Clubs de Lectura.
E esta ligazón para que poidades seguir lendo e
escoitando.
"A fachada de Gran Vía nº 2, recortada contra o rosa anil da atardecida"
Cine, Festival de Cineuropa, cine y más cine por favor…
Este primer trimestre do curso 2016-2017 aproveitamos cada ocasión para xuntarnos e ir ao cine:
En outubro, ver La chica del tren, e O Porvir. No primeiro caso
tiñamos curiosidade por coñecer a versión cinematográfica do libro lido o ano
pasado. En grupo, acudimos o sábado 15 de outubro, aos recuperados Cines Compostela.
Tamén en outubro O Porvir, a historia dunha parella de profesores de
filosofía, cuxa longa vida en común toca ao seu fin … Vímola en distintas datas, varias persoas, e
gustounos moito.
Ma Loute , dunha fantasía desconcertante, non nos gustou.
SEIQUE, Susana Sánchez Arins
"se
foi assim de mau com os irmãos e irmãs, como seria com os de fora ..."
Este martes, 15 de novembro, o Club de
Lectura recibiu a visita de Susana Sánchez
Aríns, a autora de "Seique". A descuberta de Seique foi una bafarada de aire puro, un deses libros que fan historia nun Club.
Trátase da historia dunha
familia, a súa, contada dun xeito poético, divertido e durísimo á vez,
nunha loita tenaz contra a des-memoria, para ousar revelar a verdade,
tanto tempo agochada,de personas cuxa conduta nos tempos do franquismo
se intentou esquecer.
Un libro excepcional que vos recomendamos
absolutamente.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)









