
Evocamos aquí O Sol do verán, a
última obra, póstuma de Carlos Casares, no ano en que se lle dedica o Día das
Letras Galegas.
E facémolo para destacar o problema da diferente recepción dunha obra
literaria: xa temos comentado en outras ocasións a dificultade de agradar a
lectora/es diversos, e o pracer que sente quen propón unha obra que esperta
unha aprobación case unánime.
Este non foi o caso. Malia que a algunhas de nós nos conmoveu esta historia, de contornos difusos
entre o amor e a amizade, que nos
recordou os calorosos veráns da infancia e a beatería da época, que houbo quen
sentiu vagas de nostalxia, quizás por lela no Nadal, época da morriña por
excelencia, e quen se sentía a gusto sentindo o
frescor do río na solaina da
casa de Beiro, as críticas foron demoledoras. Alí "non pasaba nada", estrañábase unha lectora, que se empezou a
interesar a partir da páxina cen. "Os
amoríos do Carlitos xa aburrían" sinalaba outro lector. "Os personaxes están pouco desenvolvidos e
apenas teñen entidade" destacaba a terceira; "ti estás segura de que é este o libro que
temos que ler? " preguntábanse a cuarta e a quinta cando comezaron a
lectura … non daban creto.
Claro que a obra é un monólogo interior no que Helena recrea a súa infancia
e a súa primeira xuventude en espiral, engadindo de cada vez detalles novos,
ata chegar a descubrir o segredo que para moitos lectores era evidente dende o
principio. Claro que esas idas e vidas, reflicten, á perfección,
o perfil da estrada que une Beiro e Ourense, e que a protagonista
percorre en dúas ocasións, en poucas horas, con diferente compañía e en
situacións ben diversas. Claro que xorden diversas interrogantes sobre o
"detonante" do libro, que centraron o debate: Porque se suicida Carlos na casa de Beiro? Por que nese momento concreto? Pretende
acaso traspasar a Helena un sentimento de culpabilidade? Pero non gustou.
O Sol
do verán, cuxa acción se desenvolve entre 1954 e 1968 é
a novela dun tempo e dun espazo, que reflicte unha sociedade concreta - a
burguesía ourensá- cos seus segredos , a súa hipocrisía, e os seus amores
ocultos. Un libro que demostra que cada lector(a) interpreta cos ollos do
corazón as páxinas dunha obra. E que o
valor da mesma reside en saber tocar (ou non) as cordas que o fagan vibrar. I ese, xustamente,
o problema da recepción dunha obra
literaria.
E para quen desexe confirmar
as súas opinións (ou ler outras diferentes), velaí unhas páxinas dedicadas a
Carlos Casares polo Biblioteca Rialeda de Perillo (Oleiros):