Violencias
invisibles no presente e do pasado
O 13 de Marzo, so algúns días despois do Día
Internacional da Muller, tivemos a oportunidade de asistir na Biblioteca
"María Mariño" ao debate-presentación do libro de Montse Fajardo Invisibles nunha sesión aberta ao
público. E resultou un éxito.
En efecto, a incivil guerra provocada pola
fracasada sublevación militar e fascista contra o goberno democrático presidido
polo coruñés Santiago Casares Quiroga e a posterior ditadura franquista foron o
contexto que invisilizou diferentes modalidades represivas contra as mulleres. Foron moitas as rapadas,
violentadas, presas, paseadas ou
fusiladas por seren fillas, irmáns, nais ou donas de militantes anarquistas,
comunistas, socialistas ou, simplemente simpatizantes da República. Montse
Fajardo recolle exemplos tráxicos e certamente conmovedores da resistencia tan
silandeira como heroica desas mulleres vermellas
no seu un cesto de mazás. Non é
casualidade que varias das persoas asistentes á mesa redonda coa autora salientasen
que debería ser lectura recomendada nos centros de ensino pola súa capacidade
didáctica sobre o xenocidio político e o feminicidio cometido polos secuaces
dos nacionais en Galicia e noutras
zonas da retagarda franquista. Mais, tamén, pola súa capacidade de emocionar ao
lector, pois esta é condición necesaria
para aprender.
Resulta máis descarnada aínda, si cabe, a
violencia padecida polas mulleres na sociedade actual que rexistra Montse
Fajardo no seu Invisibles. A lectura
deste libro alimenta a pregunta incómoda das causas dese sadismo perpetrado por
algúns homes sobre as mulleres. Descartada a explicación biolóxica (somos o mal
salvaxe?) só queda a culturalista: unha educación permisiva nunha sociedade que
aínda é machista produce monstruos como os que destruen a esas mulleres
invisibles cuxa traxica experiencia nos ofrece Montse Fajardo. Demostra que na
sociedade galega actual persiste ese reparto de roles de xénero primario con
homes que depredan impunemente mulleres cando estas os provocan non amosando sumisión ou denunciando a violencia exercida
sobre elas. Tampouco tranquiliza que só os CIM (Centros de Información á
Muller) axuden incondicionalmente a estas mulleres maltratadas e aos seus
fillos, amezados, por veces, polo
garantismo do noso sistema xudicial que protexe os dereitos dos pais
maltradores.
Queda claro, tras ler o libro, que non hai un
perfil de muller maltratada, que esta praga afecta por igual a rapazas novas, a
mulleres adultas e a anciás. Existe hoxe e existiu sempre, aínda que antes non
se falara do tema. E seguirá existindo, se non a paramos.
Os dous ensaios de Montse Fajardo inscríbense na
liña da mellor investigación histórica e antropolóxica, feita con rigor metodolóxico na recolleita e
análise de casos representativos e co sincero compromiso da autora coa causa
feminista e, en xeral, das xentes do común que padeceron a traxedia da guerra e
a tiranía da posguerra. Lembran a obras de referencia no ámbito das ciencias
sociais como Familia y red social de Elizabeth Bott ou Homens que emigran, mulleres que agardan de Caroline Brettell.
Ademais diso, Montse Fajardo aborda valentemente o tema incómodo da violencia
de xénero e faino co rigor intelectual e coa amenidade expositiva que demostrou
na sesión coas persoas presentes na biblioteca María Mariña no IES Virxe do Mar
de Noia.
O acto foi presentado polo ex-profesor do
centro, Raúl Soutelo. E o cartel
publicitario, que entusiasmou á autora, é obra do profesor de Debuxo Antonio
Sánchez. A todos, moitas grazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario