DEL COLOR DE LA LECHE, de Neil Leyshon




"éste es mi libro y estoy escribiéndolo con mi propia mano."

Mary é unha nena de quince anos que vive coas súas irmás, seus pais e o seu avó nunha granxa da Inglaterra rural de 1830. Ten o pelo da cor do leite e un problema nunha perna. Vive leda, malia a súa pobreza e o traballo de sol a sol, co amor  que recibe do seu avó. A felicidade para ela non comporta grandes esixencias, e os malos tratos do seu pai non son motivo para querer abandoar a súa familia. Por iso, cando ten que ir  traballar á casa dun vicario para atender a súa muller enferma, séntese moi triste. As comodidades da súa nova morada non logran borrar a nostalxia do fogar.

Unha cousa si aprende alí: a ler e escribir. Así pode contar a súa historia, descrita dun xeito sinxelo, con moita sensibilidade e belleza, transformando as raias negras que vai trazando no testemuño da súa vida.

Nell Leyson consegue a proeza de deixar que sexa Mary quen escriba o libro,  representando cunha exquisita sensibilidade a  vida dunha nena de quince anos  capaz de  ver, aprender e sentir o que moitos non somos quen de imaxinar.
 

Novembro é tempo de Cineuropa



Velaquí as películas que fumos ver, unha, dúas ou varias lectoras. Recomendacións que vos deixamos por se acaso pasan de novo en sala. http://cineuropa.gal/2017/peliculas
 
SONAR, de J.P. Martín, unha espléndida producción franco-arxelina. Thomas,  un enxeñeiro de son atrapado na melancolía dun amor frustrado, fai retratos sonoros das persoas que o marcan. Entre elas Amina, unha moza marroquina cuxa verdade se empeñará en sacar á luz. Porque os prexuizos falsean á imaxe da xente. 
Unha película imprescindible.


L'ATELIER ( O obradoiro de escritura) de Laurent Cantet. 
Unha cidade naval (A Ciotat), cunha industria asteleira importantísima noutro tempo, agora reconvertida en produtora de iates de luxo. Un grupo de rapazas e rapaces en risco de exclusión social, seleccionados para participar nun obradoiro de escritura cunha novelista famosa. A luz do Mediterráneo e a paisaxe espléndida das calas entre A Ciotat e Marsella. 
O pretexto da creación dunha novela policíaca levará ao grupo a por de manifesto as preocupacións que os sacoden e a descubrir a personalidade de cadaquén, a cuestionar o liderazgo da escritora e mesmo á criticar o seu estilo.
E unha noite de lúa chea á acción devén en suspense. O desenlace demostra que o traballo do obradoiro non foi en van.



 LUCKY de John Carroll Lynch
 Pouco antes de morrer en septembro de 2017 aos 91 anos, o actor estadounidense Harry Dean Stanton ofrécenos a maxistral interpretación dun habitante dun pobo dos Estados Unidos, que realiza as súas tarefas cotiás, con total e absoluta libertade, logrando compartir afectos  e tenrura con veciños da súa idade e mesmo moito máis novos. A súa interpretación da canción "Volver, volver" transmite a misma delicada emoción que a paisaxe de cactus por onde pasea a tartaruga perdida do seu amigo. Un film digno de ser visto.

TODO O TEMPO DO MUNDO de David Pérez Iglesias

24 de Outubro , día das Bibliotecas

"A historia dos libros é dos ricos, a nosa lévaa a auga"


Ningunha data mellor para retomarmos  a andaina do Club de Lectura María Mariño que este Día Mundial das Bibliotecas, da man dun grande escritor galego.   
David Pérez Iglesias veu falar con nós de Todo o tempo do mundo,  Premio Merlín de literatura infantil  2016. Esta novela, cuxos personaxes principais son un avó e a súa neta de once anos, que o acompañará o tempo dun verán, mentres seus pais foxen da crise a procura dun traballo alén mar, non é só un libro para rapaces. É un libro dun lugar e dun tempo, no que o mundo rural, apegado á terra que o sustenta e lle da vida, mantén aceso o sentido de cousas e palabras desaparecidas na sociedade urbana. Un mundo no que non existe a ociosidade, porque todo reclama un coidado constante. Un mundo no que "a choiva fala coas cousas", e as raíces da persoas non son os devanceiros senón os  descendentes.

Amenísima a conversa con David, sobre este tempo de non retorno, porque non hai espazo ao que volver cando desaparece o último habitante dunha aldea . E sobre os detalles de construción da novela, dos personaxes, das localizacións que tentabamos adiviñar, a discusión sobre o ruído e o silencio, e a dificultade de adaptarse a un entorno diferente. E por encima de todo, a tenrura que emana do libro, os lazos que se tecen entre o avó e a neta,  a nena e o can, e Ramón, o único neno do lugar, paradigma de tantas aldeas galegas. E o carácter rexo de Valente, o afoutado defensor do tempo e do espazo que deixará en herdanza a Ariadna, a súa raíz.  
 

LA MUJER DE LA LIBRETA ROJA, de Antoine Laurain

"Querida Laure Valadier:
Siento haber entrado en su vida hasta tal punto, no era mi intención. Encontré su bolso en la calle una mañana y me entregué al juego de localizar a la propietaria para devolvérselo. Las cosas se fueron sucediendo un poco al margen de mi voluntad"



Esta foi a última novela que comentamos este ano. Unha historia romántica, na que un libreiro parisino decide atopar, custe o que custe, á propietaria do bolso morado que descobre unha mañá cando se dirixe ao traballo, encima dun contedor do lixo, e do que faltan todos os documentos de identidade e o móbil. Hai, sen embargo, unha serie de obxectos que lle permiten a Laurent imaxinar a personalidade da dona. A busca, que se converte na razón da súa vida, rematará por dar os seus froitos e unirá a dous seres que semellan terse buscado dende sempre. Entre tanto imos descubrindo a vida anterior, familiar e profesional, de ambos. E a familia dos amigos que protexen a Laure. E a súa admiración por Modiano, que compartimos. Ningunha de nós rexeitaría, seguramente, sentirse obxecto dunha admiración secreta tan tenaz e delicada. Por iso o libro, que non constitúe unha cima da literatura, pero reflicte perfectamente a sociedade francesa, e recende a croissants e a lilas, nos gustou á maioría, aínda que non pasou a criba da máis esixente.

X ENCONTROS DOS CLUBS DE LECTURA

O 17 de Xuño o alumnado de Tol@s pola lectura, unha das lectoras do María Mariño e as coordinadoras de ambos Clubs, acudimos ás X Xornadas dos Clubs de Lectura, que moi ben organizadas nas sesións da mañá, incluían obradoiros, charlas, conferencias, un exemplo práctico de realización dun programa de radio escolar con Óscar López, o magnífico presentador de Página 2, almorzos saudables, espectáculos sorprendentes de Pista 4 e multitude de paneis diante dos que poder tirar unhas fotografías.


Tol@s pola lectura, con Marichelo, María e Ana, (pouco conformes con que os carteis "Estou somerxido" estiveran declinados unicamente en masculino singular, cando a presenza feminina era masiva). Graffiti e Pista 4.

Viaxe à MARIÑA LUCENSE

Para compartir. Para tecer lazos de amizade. Para descubrir. Para preparar próximas lecturas.

Para iso fomos á Mariña Lucense, un fin de semana de xuño, onda a nosa amiga Eva Méndez que nos invitou a compartir casa e xantar, praias e vilas, rutas para facer no outono e versos de Luz Pozo Garza. Porque hai máis familias que as de "sangue", como aprendemos este ano.