LA CHICA DEL TREN, P. Hawkings

"Los agujeros de la vida son permanentes. Hay que crecer alrededor de ellos y amoldarse a los huecos, como las raíces de los árboles en el hormigón."

Por unha vez cedemos á tentación de ler un best-seller, e de seguir a La chica del tren, imaxinando a vida dos habitantes dos lugares que atravesa a diario, no camiño a un traballo perdido meses atrás. As complicadas relacións entre os protagonistas, a importancia da mensaxería electrónica na actualidade, a superposición de vidas imaxinadas e reais, o empeño en descubrir unha realidade intuída nun mínimo relampo de percepción, e sobre todo, o lento proceso de recuperación dunha persoa adicta á bebida que intenta, en vano, recordar actos que non cometeu e dos que outros a acusan, parécenos que ten un indubidable valor.

ANTOLOXÍA POÉTICA, Manuel María

Non é a lírica o xénero máis atractivo para as lectoras do Club. Entregarlles, xa que logo, unha antoloxía poética é, salvo en raras excepcións, correr o risco de que o libro apenas se follee. Por iso a responsable do Club fai sempre unha selección que reparte en fotocopias, procurando que estean representadas a meirande parte das obras do autor seleccionado, os temas principais (neste caso o Amor, a morte, a crítica social, a emigración, a lingua, a Terra Chá), e que os poemas escollidos interpelen directamente a quen os le. Pero nin así. 

 O verdadeiro interese pola obra prodúcese cando se visita a casa do poeta e se andan as sendas que el andou.

A xenciana, unha das flores predilectas de Manuel María

EL PRIMER HOMBRE, Albert Camus

"Aquel non coñecera ao seu pai, pero faláballe del a miúdo, cun aquel mitolóxico, e en todo caso, no momento preciso, soubera substituír a ese pai. Por iso Jacques non o esquecera nunca. (…) Pois o Señor Bernard, o seu mestre o ano do certificado de estudos, pesara con todo o seu peso de home, nun momento dado, para modificar o destino daquel neno que tiña ao seu cargo, e, de certo, modificárao."

O libro por excelencia deste curso foi El primer hombre de Camus, suxerido por unha das lectoras. Publicado moitos anos despois da súa morte, debería, na nosa opinión,  figurar en todas as bibliotecas escolares. Porque nel elévase á categoría que lle corresponde ao mestre laico, implicado ata o final na educación dos seus alumnos, e que logra a verdadeira función de ascensor social que ten a escola.
El primer hombre abraiounos a todas. E a imaxe dun Camus distante e frío, que contén as emocións ao describir a Meursault en O estranxeiro, fundiuse coma a neve ante este relato, en borrador, da súa infancia. Conmoveunos profundamente a pobreza dunha familia para quen dous céntimos supoñen cartos, na que os adultos se esforzan para procurar aos nenos unha existencia digna e estes viven felices nunha terra vibrante de sol, con tal de poder correr ás súas anchas, ir á praia, xogar cos amigos e ler. A lectura como táboa de salvación, como porta de acceso á cultura, como medio de vida para mellorar a situación dos demais, e para alcanzar incluso as máis altas cotas do prestixio literario. E o agradecemento eterno a quen lle deu a aquel neno a posibilidade de seguir estudando, de quen creu nel e lle abriu o camiño do futuro.

MISTRALIA, Eugenio Fuentes

 "La vara de la justicia no es un metro de sastre que mide siempre la misma cantidad de tela.Es un metro elástico que mide de distinta forma la pana de la seda… No, no podrás demostrar nada".


Problemas actuais presentan tamén Mistralia, unha novela policíaca que cuestiona a "limpeza" das enerxías renovables.
 Ao detective Ricardo Cupido a empresa Mistralia encárgalle investigar o asasinato dunha das súas enxeñeiras,  que aparece colgando das aspas dun eólico. E malia descubrir a verdade non poderá facer encarcerar ao culpable, porque os intereses económicos acalan a voz da xustiza.   
Entrevista a Eugenio Fuentes en "Página Dos" de TVE (22 ... -
https://www.youtube.com/watch?v=ZyEg0t1DdAI

OLIVE KITTERIDGE, Elisabeth Strout


"..En general, cuando vivían la vida, las personas no eran suficientemente conscientes de que la estaban viviendo…”

Nesta lectura trasladámonos ao outro lado do charco e descubrimos  a unha mestra do Maine estadounidense que analiza a sociedade que a rodea ó tempo que se vai coñecendo a ela mesma.
É doado recoñecer neste libro eses elementos que nos asaltan ás veces en forma de interrogantes: quen somos, cómo nos vemos, cómo nos ven os demais, que quixemos ser e que somos realmente.
E decataremos de que a medida que avanzamos na lectura aumenta a nosa empatía con Olive.