LA RIDICULA IDEA DE NO VOLVER A VERTE, de Rosa Montero


"Escenas que son islas de emoción candente" (p. 15)

 A véspera de S. Marcos comentamos, nunha reunión un pouco sosa, a que para algunha de nós foi a mellor lectura deste ano: La ridícula idea de no volver a verte de Rosa Montero. 
 Publicado por primeira vez en 2013, é un libro de difícil clasificación, cun gran traballo de documentación previo, escrito nunha prosa lírica e intimista que resulta , ao mesmo tempo, moi próxima ao lector, non só por expresións da lingua familiar ("Guau", "Cáspita", ¡Cielo santo!,…) senón porque este se sinte implicado directamente na narración: "Ah, pillina: despues de todo, a nuestra empollona le gustaban guapos" "¿No crees que ...? "te suena de algo esto?"
 Nin libro de memorias, nin novela nin (auto)biografía, nin discurso sobre o dó, La ridícula idea de no volver a verte supera todos eses límites para, a partir do diario que Marie Curie escribiu ao ano seguinte da morte accidental do seu home, reflexionar sobre a perda, a amizade, as dificultades ás que se enfrontan as mulleres na vida cotiá, a desigualdade de xénero no ámbito científico, achegándonos, simultaneamente, "escenas que son islas de emoción candente", porque Rosa Montero logra verbalizar e atopar nese tempo de sufrimento feixes de luz que o iluminan.
 A través destas páxinas descubrimos unha Marie Curie fascinante, valente, case mística por momentos e volcán de paixóns noutros, a miúdo desde hashtgas que encantan a algunhas e lectoras e outras detestan, e indican os leitmotiv da obra: #LugarDeLaMujer, #HonrarALosPadres, #HacerLoQueSeDebe, #Ligereza, …
 Cada capítulo ven, ademais, encabezado por un título que en ocasións encerra imaxes de enorme forza expresiva, auténticos versos ou posibles títulos de contos para nenos, que reflicten toda a tenrura e as aparentes contradicións das vidas destas dúas mulleres extraordinarias: "Pájaros con las pechugas palpitantes", "Radiactividad y mermeladas", "La bruja del caldero", "Una cuestión de deditos" , "Pero me esfuerzo" son algúns dos rótulos deste libro que consegue emocionar plenamente ao lector. Literatura en estado puro, para afrontar o mundo, porque como di Rosa Montero, citando a Fernando Pessoa:
 "La literatura, como el arte en general, es la demostración de que la vida no basta" (op. Cit. p. 32.)


"Totum Bonum e o seu territorio" - Conferencia


No transcurso da conmemoración do 850 aniversario da Carta Puebla fundacional de Noia, a arqueóloga Manuela Mato,  compañeira nosa no Club de lectura, pronunciou unha interesantísima conferencia sobre o asentamento da poboación noiesa, dende a alta Idade Media ata a Idade Moderna, centrándose especialmente em "Totum Bonum e o seu territorio".  A conferencia estivo ilustrada polas espléndidas acuarelas de Domingo Filgueira Lado: "Noia prima. Totum Bonum".
Manuela foi a única muller participante neste ciclo de conferencias, e rematou a súa exposición reividincando unha meirande representación feminina na seguinte efeméride.  
Moitos parabéns para ela e para o ilustrador.

Verán en Decembro - Teatro


O día 5 de abril, no Coliseo Noela, asistimos a posta en escena da obra Verán en  Decembro de Carolina África, representada por cinco alumnas de Bacharelato do I.E.S. "Virxe do Mar", esplendidamente dirixidas polo profesor de grego Carlos Maquieira, coa colaboración da profesora Gloria Rivas, encargada da escenografía e o vestiario.

Coma tódolos anos no transcurso da Semana Cultural, Noia ten unha cita co teatro, do máis alto nivel, da man dun elenco de actrices este ano ( e actores, tamén, nos pasados) que se entregan durante todo un ano, co seu profesor, tradutor da obra e director, para brindar ao público, no espazo dunha noite,  un espectáculo case profesional.

Verán en decembro é unha reflexión sobre os problemas da sociedade actual: a convivencia no fogar de catro xeracións de mulleres, que afrontan, día a día, traballo precario, relacións amorosas pouco satisfactorias e o coidado dunha avoa dependente, con todo o afecto e as tensións que tal situación xera, nunha familia na que somos quen de recoñecérmonos cada un(ha) de nós .  Trátase do soño de fuxir, en medio dun inverno tan prolongado,  cara un verán liberador, que chega finalmente de xeito sutil e inesperado, botando por terra calquera consideración previa.

E unha vez máis, Carlos consegue facer do teatro unha arma potentísima de expresión, capaz de liberar a palabra nos seus artistas. Resulta un auténtico luxo ver a estas rapazas dominar a escena e percibir a súa alegría ao facelo. 
 Moitísimos parabéns para toda a "troupe".

INVISIBLES de Montse Fajardo -


Violencias invisibles no presente e do pasado

O 13 de Marzo, so algúns días despois do Día Internacional da Muller, tivemos a oportunidade de asistir na Biblioteca "María Mariño" ao debate-presentación do libro de Montse Fajardo Invisibles nunha sesión aberta ao público. E resultou un éxito.

 En efecto, a incivil guerra provocada pola fracasada sublevación militar e fascista contra o goberno democrático presidido polo coruñés Santiago Casares Quiroga e a posterior ditadura franquista foron o contexto que invisilizou diferentes modalidades represivas contra as mulleres. Foron moitas as rapadas, violentadas, presas, paseadas ou fusiladas por seren fillas, irmáns, nais ou donas de militantes anarquistas, comunistas, socialistas ou, simplemente simpatizantes da República. Montse Fajardo recolle exemplos tráxicos e certamente conmovedores da resistencia tan silandeira como heroica desas mulleres vermellas no seu un cesto de mazás. Non é casualidade que varias das persoas asistentes á mesa redonda coa autora salientasen que debería ser lectura recomendada nos centros de ensino pola súa capacidade didáctica sobre o xenocidio político e o feminicidio cometido polos secuaces dos nacionais en Galicia e noutras zonas da retagarda franquista. Mais, tamén, pola súa capacidade de emocionar ao lector,  pois esta é condición necesaria para aprender.

Resulta máis descarnada aínda, si cabe, a violencia padecida polas mulleres na sociedade actual que rexistra Montse Fajardo no seu Invisibles. A lectura deste libro alimenta a pregunta incómoda das causas dese sadismo perpetrado por algúns homes sobre as mulleres. Descartada a explicación biolóxica (somos o mal salvaxe?) só queda a culturalista: unha educación permisiva nunha sociedade que aínda é machista produce monstruos como os que destruen a esas mulleres invisibles cuxa traxica experiencia nos ofrece Montse Fajardo. Demostra que na sociedade galega actual persiste ese reparto de roles de xénero primario con homes que depredan impunemente mulleres cando estas os provocan non amosando sumisión ou denunciando a violencia exercida sobre elas. Tampouco tranquiliza que só os CIM (Centros de Información á Muller) axuden incondicionalmente a estas mulleres maltratadas e aos seus fillos,  amezados, por veces, polo garantismo do noso sistema xudicial que protexe os dereitos dos pais maltradores.

Queda claro, tras ler o libro, que non hai un perfil de muller maltratada, que esta praga afecta por igual a rapazas novas, a mulleres adultas e a anciás. Existe hoxe e existiu sempre, aínda que antes non se falara do tema. E seguirá existindo, se non a paramos.

Os dous ensaios de Montse Fajardo inscríbense na liña da mellor investigación histórica e antropolóxica, feita con rigor metodolóxico na recolleita e análise de casos representativos e co sincero compromiso da autora coa causa feminista e, en xeral, das xentes do común que padeceron a traxedia da guerra e a tiranía da posguerra. Lembran a obras de referencia no ámbito das ciencias sociais como Familia y red social de Elizabeth Bott ou Homens que emigran, mulleres que agardan de Caroline Brettell. Ademais diso, Montse Fajardo aborda valentemente o tema incómodo da violencia de xénero e faino co rigor intelectual e coa amenidade expositiva que demostrou na sesión coas persoas presentes na biblioteca María Mariña no IES Virxe do Mar de Noia.

O acto foi presentado polo ex-profesor do centro, Raúl Soutelo. E o  cartel publicitario, que entusiasmou á autora, é obra do profesor de Debuxo Antonio Sánchez. A todos, moitas grazas.