Da CASA-MUSEO MANUEL MARÍA ata OS ANCARES

A Casa das Hortas de Manuel Maria foi o nosa primeira parada nesta viaxe. Entón si cobraron sentido os versos e aumentou o interese por estas figuras senlleiras. E coñecer as Penas de Rodas, unha paraxe única e absolutamente ignorada, resulta unha vivencia extraordinaria, que paga a viaxe, aínda que chova a mares sobre o mar das baleas, e sexa longo o camiño ata a Pena da Trabe de Ouro e a de alcatrán, maxestosamente ergueitas no medio dos piñeiros.
A viaxe á Terra Chá veuse complementada por outra, ideada para o curso pasado, (e logo adiada) cando limos En vías de extinción de María Reimóndez. Decidimos entón ir aos Ancares.
 Esta Galicia interior, absolutamente descoñecida para algunhas de nós, porque non cadra de paso á ningunha parte, forma parte da nosa identidade profunda, fálanos do valor da nosa cultura ancestral, da importancia da conservación da natureza, e resulta tan fascinante como unha partida en busca das orixes. E Piornedo foi o noso campamento base.
Contemplando estas paraxes agrestes, resulta máis crible a personaxe de Gaia, de En vías de extinción. Antes de abandonar a serra, unha subida ao Porto de Ancares. E para rematar a viaxe, unha visita ao Cebreiro, punto de partida en Galicia do Primeiro Itinerario Cultural Europeo, o Camiño de Santiago. Na xoia prerrómanica de Santa María a Real o chamado Cáliz do Graal e Biblias en case cincuenta linguas diferentes, entre elas o esperanto.



En Gaioso ollando á Cha  
hai duas penedas ergueitas   
¡Semean non ser verdá
redondeces tan ben feitas! 
As Penas de Rodas son 
dous ollos alucinados 
que espían con atención 
os eídos mais alongados 
Se ambas penas se desfán 
arde, co mundo, un tesouro:
¡unha pena é de alquitrán, 
 a outra, unha trabe de ouro!


PELIS E DOCUMENTAIS

 Este documental, do que é coautora unha antiga alumna do I.E.S. "Virxe do Mar",  foi presentado en Noia o 8 de Marzo. Recolle a historia das mulleres que levantaron imperios téxtiles cosendo na sombra e se viron condenadas ao paro, cando a deslocalización levou a outros lugares, a nivel de escravitude, o enriquecemento dos patróns.  
          O Club María Mariño non podía faltar ao evento, aínda que debera adiar unha semana a reunión da lectura prevista.




Resulta moitas veces difícil concertar unha cita para acudir "en masa" a unha sesión de Cineuropa. A miúdo son tres ou catro as espectadoras do Club quen van xuntas, ou en diferentes días, ver a mesma película, como sucedeu con An, unha xoia de tenrura, Virgin Mountain que recibiu o eloxio unánime das asistentes, ou 45 years. Entón establécese un interesante diálogo sobre esta outra maneira de ler o mundo. Pero o "gran grupo" só atopou unha data posible, o 29 de novembro: Francofonía, non acadou certamente a unanimidade:  para unhas, crítica positiva desta reflexión sobre a arte que leva a dous homes de bandos opostos a entenderse para salvar un patrimonio da Humanidade, os tesouros do Louvre. Para outras un aburrimento total.   




A ARELA DE TRANSFORMAR O MUNDO



Ao calor deste club, naceron outras actividades que teñen que ver con iniciativas solidarias, como son a invitación á participación en actividades culturais ás que algunha asiste (concerto da Orquestra Sinfónica de Compostela), organiza (exposición "Corpóreas"), ou coñece (a celebración do S. Xoán en Castrolandín).


"Corpóreas" é un proxecto de arte e moda, levado a cabo por unha das lectoras do Club, no seu establecemento comercial, en homenaxe a dez grandes artistas dos séculos XX e XXI que inspiraron a súa produción en obxectos ou paisaxes da vida cotiá, como Maruxa Mallo, Georgia O'Keeffe ou Tamara de Lempicka.



MARUXA MALLO
 










A celebración do S. Xoán de Castrolandín supuxo a recuperación da  tradicional Festa dos Fachos, que podedes coñecer a través desta fermosa reportaxe:  Festa dos Fachos de Castrolandín, Conectando séculos


LENDO O MUNDO dende a biblioteca

O desexo de entender a sociedade na que vivimos determinou en grande medida as lecturas deste curso 2015-2016:


O EDIFICIO YACOUBIÁN, A. Al Aswany

“Los antiguos mayordomos y los criados vendieron sus cuartuchos a emigrantes pobres venidos del campo…”
“La azotea no tardó en parecerse a cualquier otra comunidad popular egipcia. Los niños correteaban descalzos y semidesnudos por los rincones de la terraza. Las mujeres pasaban el día calentándose y contándose cotilleos al sol.”

Rematamos as lecturas deste curso cunha das novelas máis vendida en lingua árabe, traducida ó galego (e a case trinta linguas máis), e que se desenvolve no Cairo. Porque mostra a radicalización dun adolescente probe, á causa das inxustizas que sofre, e relata a condición feminina nun país corrupto, de maneira tan soberbia que a algunhas lectoras lles custou traballo rematalo.

Do Club forma parte tamén unha ex traballadora dun grupo editorial español. E cando comentamos o último libro do curso (que se publicou en Francia en 2006, en España en 2008 e en Galego en 2013) que fora escollido precisamente en librería pola atención que suscitou a primeira vista a súa portada, sinalamos a relevancia que estas teñen: a da edición francesa céntrase no rapaz cuxa evolución se narra, a española na sociedade de cidadáns anónimos, perfectamente representada no libro, e a terceira responde ó que cremos é a liña editorial de Rinoceronte: deixar todas as posibilidades abertas ante o lector (Para ela a primeira é , indubidablemente, a que máis atractiva.).






LA CHICA DEL TREN, P. Hawkings

"Los agujeros de la vida son permanentes. Hay que crecer alrededor de ellos y amoldarse a los huecos, como las raíces de los árboles en el hormigón."

Por unha vez cedemos á tentación de ler un best-seller, e de seguir a La chica del tren, imaxinando a vida dos habitantes dos lugares que atravesa a diario, no camiño a un traballo perdido meses atrás. As complicadas relacións entre os protagonistas, a importancia da mensaxería electrónica na actualidade, a superposición de vidas imaxinadas e reais, o empeño en descubrir unha realidade intuída nun mínimo relampo de percepción, e sobre todo, o lento proceso de recuperación dunha persoa adicta á bebida que intenta, en vano, recordar actos que non cometeu e dos que outros a acusan, parécenos que ten un indubidable valor.

ANTOLOXÍA POÉTICA, Manuel María

Non é a lírica o xénero máis atractivo para as lectoras do Club. Entregarlles, xa que logo, unha antoloxía poética é, salvo en raras excepcións, correr o risco de que o libro apenas se follee. Por iso a responsable do Club fai sempre unha selección que reparte en fotocopias, procurando que estean representadas a meirande parte das obras do autor seleccionado, os temas principais (neste caso o Amor, a morte, a crítica social, a emigración, a lingua, a Terra Chá), e que os poemas escollidos interpelen directamente a quen os le. Pero nin así. 

 O verdadeiro interese pola obra prodúcese cando se visita a casa do poeta e se andan as sendas que el andou.

A xenciana, unha das flores predilectas de Manuel María